BIOGRAFÍA

Chámome Rubén Álvarez e nacín o 8 de setembro de 1972. Son do Barco de Valdeorras (Ourense), onde cursei os meus estudos e traballei nun negocio familiar ata os 45 anos. Actualmente vivo e traballo en Lalín (Pontevedra), onde teño á miña nova familia.

Sempre tiven moita afección polo debuxo, pero por circunstancias da vida, non puiden dedicarme a iso con paixón e entusiasmo. A curta idade debuxaba a lapis e carboncillo, despois toquei un pouco a pintura ao óleo, ata que descubrín o mundo da pluma de inmersión e a tinta chinesa. Sinceramente, apaixonábame o feito de poder debuxar cunha combinación de metal e tinta como se facía antigamente para escribir e facer bosquexos ou debuxos. Co tempo, descubrín o realismo en debuxos que parecían auténticas fotografías en branco e negro, e impresionoume tanto, que decidín aprender a técnica que se emprega niso.

Cheguei a gastar un dineral en libros relacionados coa tinta chinesa, pero non me satisfacían; todos veñen contando un pouco do mesmo. Así que me atrevín a contactar por correo electrónico a uns cuantos mestres chineses para que me orientasen e poder estudar os seus trazos. Tardei dous anos en poñerme en serio co meu primeiro traballo. Dábame un pouco de medo o non poder lograr os tons grises, os contrastes fortes entre o branco e negro, e que os trazos non estivesen ben definidos. Parecíame, e aínda me parece, que a técnica é moi dura e delicada; cando cometes un erro, non hai volta atrás. Así foi como empecei, de forma autodidacta e observando o traballo doutros artistas, aos cales estou moi agradecido.

Nos meus debuxos poño todo o meu empeño, vontade e dedicación para sacar o belo e fermoso dos traballos realizados a plumilla. Aínda así, recoñezo que aínda teño moito que aprender para mellorar a técnica, pero como di o proverbio chinés “as cousas boas toman tempo”.

Non teño un tema principal nas miñas obras. Inspírome en paisaxes, natureza morta, arquitectura, retratos, bodegóns… Traballo principalmente con fotografía, transladándoa a unha lámina de debuxo co método da cuadrícula. E agora que coñeces algo de min, espero que goces coas miñas láminas. Benvido a este recuncho do mundo da plumilla e da tinta chinesa, e encantado de compartir contigo as miñas obras.

Saúdos.